Tuesday 14 de May de 2024

Os 30 cadros seleccionados da XI Bienal de Pintura do Eixo Atlántico expóñense no centro Lustres Rivas de Riveira


A mostra estará en Riveira ata o 27 de decembro

O calendario de exposicións do Centro Cultural Lustres Rivas remata o ano 2015 coa exhibición das 30 obras seleccionadas da XI Bienal de Pintura do Eixo Atlántico.

O acto inaugural da mostra tivo lugar onte pola tarde, significando a súa estrea na comunidade galega, pois unicamente fora amosada en Portugal. O evento contou coas intervencións do alcalde Manuel Ruiz Rivas, a concelleira de Cultura Fabiola García e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao. Acompañáronos o gañador desta undécima edición, o boirense Olmo Blanco; o artista alemán con vínculos en Riveira Ralf Glasz, e Raquel Martínez Ortiz, gañadora dun segundo premio como autora galega. Tamén os veciños que quixeron asistir ao acontecemento, que recibiron cadanseu catálogo.

Vázquez Mao salientou que a Bienal de Pintura é unha das tres exposicións itinerantes con máis visitas da península Ibérica, o que dá medida da súa importancia; en tanto que Ruiz Rivas mostrou a súa satisfacción por poder ofrecer aos riveirenses un programa de exposicións no Lustres Rivas que abarcou practicamente todo o ano.

A bienal estará aberta ata o vindeiro 27 de decembro. O horario de visitas é de luns a venres de 10 a 14 horas, ademais dos mércores, xoves e venres de 19 a 21 horas, e os sábados de 11.30 a 13.30 horas.

Os premiados desta edición foron:

• Primeiro Premio. Mellor obra do certamen Sen título de Olmo Blanco Fuentes.
• Segundo Premio ao autor portugués, The first date de Rui Sousa.
• Segundo Premio ao autor galego: No tengo nada de Raquel Martínez Ortiz.
• Premio Novos Talentos Luso-galaicos á obra Lady by the sea de Diogo Costa.

Celébrase coa colaboración do Eixo Atlántico, da Fundaçao da Juventude, da Xunta de Galicia, da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e do Instituto Portugués do Desporto e a Juventude.